Nadine Burke Harris
4,664,611 views • 15:59

A mediados da década de 1990, o CDC (centro oficial para o control de enfermidades) e Kaiser Permanente descubriron un tipo de exposición que aumentaba gravemente o risco de sete das dez causas principais de morte nos Estados Unidos. En doses altas, afecta ao desenvolvemento cerebral, ao sistema inmunitario, ao sistema endócrino, e ata ao xeito no que o noso ADN é lido e replicado. Os que están expostos a doses moi altas teńen tres veces máis risco de ter doenzas cardíacas e cáncer de pulmón e a súa esperanza de vida é 20 anos menor. Malia así, os nosos médicos non están preparados para detectala nin tratala. A exposición da que estou a falar non é a un praguicida, nin a un produto químico. É ao trauma infantil. Xa, de que trauma estou a falar? Non me refiro a suspender un exame ou perder un partido de baloncesto. Refírome a ameazas tan graves e penetrantes que literalmente se meten baixo a nosa pel e cambian a nosa fisioloxía: cousas como o abuso ou o abandono, ou crecer cun pai ou unha nai que sofre unha enfermidade mental ou drogodependencia. Durante moito tempo, eu vía estas cousas como me ensinaron a velas: ou ben como un problema social —remitir aos servizos sociais— ou como un problema de saúde mental —remitir aos servizos de saúde mental. Pero logo aconteceu algo que me fixo reformular todo o meu enfoque. Cando rematei a mińa residencia, quería ir a un sitio onde realmente me precisaran, un sitio no que marcar a diferenza. Así que fun a traballar para o California Pacific Medical Center, un dos mellores hospitais privados do norte de California, e xuntos abrimos unha clínica en Bayview-Hunters Point, un dos barrios máis pobres e desfavorecidos de San Francisco. Ata aquel entón, había unha única pediatra para todo Bayview que atendía a máis de 10 000 nenos. Así que abrimos a clínica e ofrecemos atención sanitaria de alta calidade sen mirar a capacidade para pagar. Era impresionante. Centrámonos nas típicas desigualdades sanitarias: acceso á atención sanitaria, taxas de inmunización, taxas de hospitalización por asma, e tivemos moi bos resultados. Sentiámonos moi orgullosos. Mais comecei a notar unha tendencia un tanto preocupante. Chegábanme moitos nenos con TDAH, trastorno por déficit de atención con hiperactividade, pero en canto lles facía un exame clínico descubría que, á maioría deles, non os podía diagnosticar con TDAH. A maioría dos nenos que trataba sufriran un trauma tan grave que sentía que había algo máis. Dalgún xeito estaba pasando por alto algún detalle importante. Antes de facer a mińa residencia, fixen un máster en saúde pública e unha das cousas que alí che ensinan é que se es doutor e ves 100 nenos beber do mesmo pozo e 98 deles contraen diarrea podes prescribir dose tras dose tras dose de antibióticos ou podes ir alí e preguntarte: Arre demo, pero que hai neste pozo? Así que lin todo o que atopei sobre como a exposición á adversidade afecta os cerebros e os corpos en desenvolvemento dos nenos. Entón, un día, un compańeiro entrou no meu despacho e dixo: Dra. Burke, viches isto? Na súa man había unha copia dun estudo chamado "Estudo sobre experiencias adversas na infancia" Aquel día cambiou a mińa práctica clínica e, en última instancia, a mińa carreira. O “Estudo sobre experiencias adversas na infancia” é algo que todos deberiamos cońecer. Foi elaborado polo Dr. Vince Felitti de Kaiser e o Dr. Bob Anda do CDC. Xuntos, preguntáronlles a 17 500 adultos sobre o seu historial de exposición a "experiencias infantís adversas" ou EIA. Estas inclúen o maltrato físico e psicolóxico e o abuso sexual, abandono físico ou emocional, enfermidade mental dos pais, drogodependencia ou encarceramento, separación ou divorcio dos pais ou violencia doméstica. Por cada "si", recibías un punto na túa puntuación EIA. Logo, correlacionaron estas puntuacións cos problemas de saúde. O que atoparon foi sorprendente. Dúas cousas: A primeira, as EIA son incriblemente comúns. O 67% da poboación tińa polo menos unha EIA. E o 12.6%, 1 de cada 8, tińa catro ou máis. A segunda cousa que descubriron foi que había unha relación dose-resposta entre as EIA e a saúde. Canto máis alta a puntuación EIA, peor a túa saúde. Para unha persoa cunha puntuación de 4 ou máis, o risco relativo de ter unha doenza pulmonar obstrutiva crónica era 2.5 veces maior que o de alguén cunha puntuación EIA de cero. Tamén era 2.5 veces maior para hepatite. Para depresión era 4.5 veces maior. Para suicidio xa era 12 veces maior. Unha persoa cunha puntuación de 7 ou máis ten 3 veces máis probabilidades de padecer cáncer de pulmón e 3.5 veces máis risco de cardiopatía isquémica, a causa principal de morte nos Estados Unidos. Ben, por suposto que isto ten sentido! Algúns viron estes datos e dixeron "Se tes unha infancia difícil, es máis propenso a fumar, beber e facer todas esas cousas que arruinarán a túa saúde. Isto non é ciencia. Tan so é mal comportamento." Pero resulta que é precisamente aí onde intervén a ciencia. Agora entendemos máis que nunca como a exposición temperá á adversidade afecta o cerebro e o corpo en desenvolvemento dos nenos. Afecta a áreas como o núcleo accumbens, centro de pracer e recompensa do cerebro, involucrado na drogodependencia. Inhibe o cortéx prefrontal necesario para o control dos impulsos así como para a función executiva, unha área crucial para a aprendizaxe. E, en resonancias magnéticas, vense cambios significativos na amígdala, o centro de resposta ao medo do cerebro. Así que hai razóns neurolóxicas reais que explican por que a xente exposta a altas doses de adversidade é máis propensa a adoptar comportamentos de alto risco. E é importante sabelo. Pero resulta que incluso se non adoptas ningún comportamento de alto risco, segues a ter máis probabilidades de ter enfermidades cardíacas ou cáncer. O motivo ten que ver co eixe hipotalámico-hipofisario-adrenal, o sistema corporal e cerebral de resposta ao estrés encargado de gobernar a nosa resposta de loita ou fuxida. Como funciona? Ben, imaxina que estás camińando polo bosque e ves un oso. Inmediatamente, o hipotálamo envía un sinal á glándula pituitaria que envía outro sinal á glándula suprarrenal que di: Liberade hormonas do estrés! Adrenalina! Cortisol! O teu corazón comeza a latexar con forza, as túas pupilas dilátanse, as túas vías respiratorias ábrense e ti estás listo para loitar contra ese oso ou para escapar del. E iso é estupendo! Se estás no bosque e hai un oso. (Risas) Pero o problema é qué ocorre cando o oso vén á casa tódalas noites e este sistema se activa unha vez tras doutra, deixando de ser adaptable ou capaz de salvar unha vida, para ser pouco adaptable ou prexudicial para a saúde. Os nenos son especialmente sensibles a esta activación repetitiva polo estrés, porque os seus cerebros e corpos aínda se están desenvolvendo. As doses altas de adversidade non afectan só á estrutura e ás funcións do cerebro, senón tamén ao sistema inmunolóxico, ao sistema endócrino, e incluso ao xeito no que se le e transcribe o noso ADN. A min, esta información fíxome tirar pola borda todo o que aprendera porque cando entendemos o mecanismo dunha enfermidade, cando sabemos non só que vías están danadas senón tamén como, o noso traballo como médicos é empregar a ciencia para previlo e tratalo. Iso é o que facemos. Así que en San Francisco, creamos o Centro para o Benestar da Mocidade para previr, diagnosticar e curar o impacto das EIA e do estrés tóxico. Comezamos só con revisións rutineiras de tódolos nosos nenos durante as súas visitas habituais, porque sei que se a mińa paciente ten unha puntuación EIA de 4, ten 2.5 veces máis probabilidades de padecer hepatite ou DPOC, é 4.5 veces máis propensa a ter depresión e ten 12 veces máis probabilidades de intentar suicidarse que o meu paciente con EIA cero. Iso seino cando está no meu consultorio. Para os pacientes que dan positivo, contamos cun equipo multidisciplinario que traballa para reducir as doses de adversidade e tratar os síntomas coas mellores técnicas, incluíndo visitas a domicilio, coordinación da atención, atención psiquiátrica, nutrición, intervencións holísticas e, se é necesario, medicación. Pero tamén educamos aos pais sobre o impacto das EIA e o estrés tóxico do mesmo xeito que o fariamos para falar de tapar os enchufes ou sobre o envelenamento por chumbo, e adaptamos o coidado dos nosos asmáticos e diabéticos para recońecer que quizais necesitan un tratamento máis agresivo dados os cambios nos seus sistemas endócrinos e inmunolóxicos. Outra cousa que sucede cando entendemos esta ciencia é que o queremos gritar aos catro ventos porque isto non é un problema que afecte tan só aos nenos de Bayview. Eu pensaba que no momento en que todos souberan sobre isto habería rastrexos rutineiros, equipos multidisplinarios de tratamento e habería unha carreira cara a protocolos máis eficaces de tratamento clínico. Xa. Pois non pasou. E foi unha gran lección para min. O que pensara que ía ser a mellor práctica clínica hoxe entendo que é un movemento. En palabras do Dr. Robert Block, ex presidente da Academia de Pediatría de EEUU: "As EIA son a maior e a principal ameaza non resolta da saúde pública á cal se enfronta hoxe en día a nosa nación." E, para moita xente, esa é unha perspectiva aterradora. A escala e o alcance do problema parecen tan grandes que resulta desconsolador pensar como podemos abordalo. Pero para min, en realidade, é aí onde radica a esperanza, porque, se temos o marco axeitado, se admitimos que isto é unha crise da saúde pública, entón podemos empezar a usar as ferramentas axeitadas para xerar solucións. Dende o tabaco ata o envelenamento por chumbo, pasando polo VIH, os EEUU teńen, en realidade, unha traxectoria bastante sólida á hora de abordar os problemas de saúde pública. Pero repetir eses éxitos coas EIA e o estrés tóxico requirirá determinación e compromiso, e cando miro a reacción da nosa nación ata agora pregúntome: Por que non tomamos isto máis en serio? Ao comezo pensei que non lle damos importancia porque non nos afecta a nós, que era un problema dos deses barrios. O cal é estrańo porque os datos non mostran iso. O estudo orixinal de EIA realizouse cunha poboación onde o 70% eran caucásicos e o 70% tińa educación superior. E canto máis falaba coa xente, máis me daba conta de que, talvez, entendera todo ao revés. Se eu preguntara cantas persoas nesta sala foron criadas nunha familia onde alguén tińa unha enfermidade mental, aposto a que algún levantaría a man. E se preguntara cantos tiveron un pai que bebía de máis ou que cría que debía castigarte sempre que fixeras algo mal apostaría que uns cantos máis levantarían a man. Incluso nesta sala, este problema aféctanos a moitos de nós e comezo a crer que non lle damos importancia porque si que nos afecta. Tal vez é máis fácil ver o problema noutros sitios, porque non queremos velo. Antes preferiríamos estar enfermos. Afortunadamente, os avances científicos e, francamente, a realidade económica fan que esa opción sexa menos viable cada día. A ciencia é clara: as adversidades da infancia afectan drasticamente a saúde de toda a vida. Hoxe en día, estamos comezando a entender como deter a progresión de adversidade temperá a enfermidade e morte prematura, e, en 30 anos, o neno cunha alta puntuación de EIA cuxos síntomas no comportamento pasan desapercibidos, cuxo control da asma non está correlacionado e que acaba desenvolvendo hipertensión, algunha enfermidade cardíaca ou cáncer a unha idade temperá será tan pouco usual como alguén cunha taxa de mortalidade para o VIH de 6 meses. A xente ao ver estes casos dirá: Arre demo, pero que pasou? Isto é tratable. Pódese superar. O máis importante que necesitamos hoxe é o valor para enfrontar este problema e admitir que existe e nos afecta a todos. Creo que nós mesmos somos o movemento. Grazas. (Aplausos)