Voulles falar sobre a química política dos derramamentos de petróleo e por qué este é un incribelmente importante longo, oleoso e quente verán, e por qué precisamos estar atentos e non distraérmonos. Pero antes de falar da química política preciso falar sobre a química do petróleo.
Esta é unha foto da vez que visitei a baía Prudhoe en Alaska, no ano 2002 para ver o Servizo de Xestión de Minerais probando a súa capacidade para queimar derramamentos de petróleo no xeo. E o que ven aquí é un pouco de petróleo cru, algunhas pedras de xeo, e dúas bolsas de sándwich de napalm. O napalm estase queimando ben. E o asunto é que o petróleo é en realidade unha abstracción para nós, os consumidores estadounidenses. Somos o catro por cento da poboación mundial, e consumimos o 25 por cento da produción mundial de petróleo. E non entendemos qué é o petróleo, ata que analizamos as súas moléculas. E non o entendemos en realidade ata que o vemos arder. Isto é o que ocorre mentres que está ardendo Vaise polo ar, cun grande estrondo. Recoméndolles que, se poden, vexan arder petróleo cru algunha vez, porque nunca máis han precisar escoitar unha charla científico-política sobre a xeopolítica do petróleo. Asará as súas retinas. Así que aí o está; as retinas estanse asando.
Déixenme contarlles algo máis sobre esta química do petróleo. O petróleo é un cocido de moléculas de hidrocarburo. Comeza coas máis pequeniñas, que son un carbono, catro hidróxenos --iso é metano-- simplemente, esváese no ar. Despois, hai varios tipos intermedios con cantidades medias de carbono. Probablemente xa escoitaron falar dos aneis de benceno; son moi carcinóxenos. E despois, continúa con outros grandes, espesos e torpes, que teñen centos de carbonos, e milleiros de hidróxenos, teñen vanadio, e metais pesados, e xofre e todo tipo de trangalladas colgadas nos seus extremos. Chámanlles asfaltenos, e son un ingrediente do asfalto. Son moi importantes nos derramamentos de petróleo.
Permítanme falarlles un pouco sobre a química do petróleo na auga. É esta química a que converte o petróleo nalgo tan nocivo. O petróleo non afunde, aboia. Se afundira, os derramamentos serían algo moi diferente. E a outra cousa que fai é esparexerse tan axiña como toca na auga. Esparéxese formando unha capa moi, moi fina, por iso, faise moi difícil de controlar. O que ocorre despois é que as partes máis lixeiras evapóranse e algúns compoñentes tóxicos aboian dentro da columna de auga matando ovas de peixes e os peixes máis pequenos, e cousas semellantes, e camaróns. E despois os asfaltenos --e isto é un asunto crucial-- os asfaltenos son batidos polas ondas ata convertérense nunha emulsión cremosa, como a maionesa. Isto triplica a cantidade de residuos oleosos na auga e fainos moi difíciles de manexar. E tamén moi viscosos. Cando o Prestige afundiu na costa española, houbo grandes manchas flotantes, do tamaño de coxíns de sofá, de petróleo emulsionado coa consistencia ou a viscosidade da goma de mascar. É dificilísimo de limpar. E cada tipo de petróleo reacciona de forma distinta cando toca a auga.
Cando a química do petróleo e a agua toca a política vírase totalmente explosiva. Por vez primeira os consumidores estadounidenses verán en fronte deles a cadea de subministración de petróleo. Van ter un momento "eureka!", cando, de súpeto, entendamos o petróleo nun contexto diferente. Así que lles vou falar un pouco sobre a orixe destas políticas, porque é realmente crucial entender por que este verán é tan importante, por que precisamos manter o foco sobre el. Ninguén se ergue pola mañá e pensa "Humm, vou mercar unhas cantas moléculas de tres a doce carbonos para botar no depósito e conducir con ledicia cara ao traballo." Non, o que pensamos é "Ugh, teño que mercar gasolina. Iso moléstame. As compañías petrolíferas estanme arruinando. Elas marcan os prezos e nin tan sequera me decato. Estou indefenso." Isto é o que nos pasa nun surtidor de gasolina. En realidade, os surtidores están deseñados especificamente para esvaer esa rabia. Poden ver que moitos surtidores, incluíndo este, están deseñados para pareceren caixeiros electrónicos. Falei do asunto con enxeñeiros. Están deseñados para esvaer a nosa rabia, porque, en teoría, gústannos os caixeiros automáticos. (Risos) Isto demostra o malo que é.
Pero, en realidade, ese sentimento de impotencia aparece porque a maioría dos estadounidenses pensa que o prezo do petróleo é o resultado dunha conspiración, e non das vicisitudes do mercado mundial do petróleo. E o conto é que, amais, sentímonos moi impotentes coa cantidade que consumimos, o que é razoable, porque, de feito, deseñamos este sistema onde, se queres conseguir un traballo, é moito máis importante ter un coche que funcione, ca ter un diploma. E isto é realmente perverso.
E tamén hai outra cousa perversa na forma en que compramos gasolina, o feito de que prefeririamos estar facendo calquera outra cousa. Esta é unha gasolineira de British Petroleum no centro de Los Ángeles. É verde. Un santuario de verdor. E pensarán vostedes "por que algo tan chafalleiro funciona con xente tan intelixente?" Pois ben, a razón é que, cando estamos mercando gasolina, estamos metidos nesta disonancia cognitiva. Estamos molestos e queremos estar noutro lugar. Nós non queremos estar mercando gasolina; queremos estar facendo algo ecolóxico. E quedamos atrapados nas nosas propias contradicións. Quero dicir --e isto é divertido. Parece divertido aquí. Por iso funcionou o eslogan "alén do petróleo". Pero é unha parte inherente da nosa política enerxética, da que non falamos, reducir a cantidade de petróleo que usamos. Falamos de independencia enerxética. Falamos de coches de hidróxeno. Falamos de biocombustibles que aínda non se inventaron. E, xa que logo, a disonancia cognitiva é parte da maneira en que lidamos co petróleo, e é moi importante para lidar con este derramamento de petróleo.
Ben, a política do petróleo é moi moral nos Estados Unidos. A industria do petróleo é coma un polbo xigantesco de enxeñaría e finanzas e todo o demais, pero en realidade vémolo en termos moi morais. Esta é unha fotografía antiga. Poden ver que tiñamos eses pozos. Xornalistas daquel tempo viron eses derramamentos, e dixeron: "Esta é unha industria suxa." Pero tamén viron que a xente estaba a facerse rica sen facer nada. Non eran labregos, estaban a facerse ricos simplemente co que emerxía do chan. Era, basicamente, "Os Beverly Ricos". Pero, ao comezo, isto viuse coma un problema ético, moito antes de converterse nalgo divertido.
E entón, por suposto, velaí estaba John D. Rockefeller. E o que pasou con John D. é que se meteu neste caótico salvaxe Oeste da industria do petróleo e racionalizouna nunha compañía integrada verticalmente, unha multinacional. Foi terrorífico. Pensan que Walmart é un modelo aterrador de negocios no presente? Imaxinen como sería en 1860 ou 1870. E isto é tamén a orixe de que vexamos o petróleo coma unha conspiración. Pero o realmente sorprendente é que Ida Tarbell, a xornalista, fixo unha grande investigación sobre Rockefeller e conseguiu que a lexislación antimonopolística fose promulgada. Pero en moitos sentidos, a imaxe da conspiración aínda segue pegada a nós. Velaquí unha das cousas que dixo Ida Tarbell: "Ten un nariz fino coma unha espiña. Non ten beizos. Ten bolsas debaixo duns olliños sen cor e con engurras saíndo deles." (Risos) Ben, ese fulano está aínda connosco. (Risos) Ou sexa, esta é unha forma moi estendida -- é parte do noso ADN. E ademais temos a este fulano.
Así que vostedes poden estarse preguntando por que cada vez que hai subas dos prezos do petróleo, ou un derramamento, chamamos a estes altos executivos de Washington, e os bombardeamos con preguntas en público, e tratamos de envergoñalos. Isto é algo que vimos facendo desde 1974, cando lles preguntamos por vez primeira: "Por que existen estas ganancias obscenas?" E case personalizamos toda a industria do petróleo nestes altos executivos. E nós tomámola, mirámola nun plano moral, no canto de facelo no económico e legal. E non quero dicir que estes fulanos non teñan a responsabilidade de responder esas preguntas, o que estou dicindo é que, se nos centramos en se son ou non unha tropa de bastardos avarentos, non estamos achegándonos ao punto de facer leis que cambien a forma en que eles traballan, ou de chegarmos a reducir realmente o consumo de petróleo e a nosa dependencia del. O que estou dicindo é que isto é unha distracción. Pero creou un bo teatro, e é terriblemente catártico, como probablemente viron a semana pasada.
A cuestión dos derramamentos de petróleo na auga é que están promovidos politicamente. É dicir, estas fotos --estas son do derramamento de Santa Bárbara. Velaí estas fotos de paxaros. Realmente inflúen na xente. Cando ocorreu o derramamento de Santa Bárbara, formouse o movemento ambiental na súa forma moderna. Comezou a celebrarse o Día da Terra. E tamén puxo en marcha a Lei nacional de política ambiental, a Lei do aire puro, a Lei da auga limpa. Todo o que somos é resultado dese período. Penso que é importante botarlles unha ollada a estas fotos de paxaros e entendendermos o que nos ocorre. Velaí estamos nós habitualmente; parados na gasolineira, sentíndonos impotentes. Vemos esas fotos e entendemos, por primeira vez, o noso papel na cadea de subministración. Atamos os cabos da cadea de subministración. E temos este tipo de... como votantes, temos un momento "eureka!". E por iso, estes momentos dos derramamentos son tan importantes. Pero tamén é moi importante que non nos distraiamos polo teatro ou a moral de todo isto. Precisamos ir ao fondo e traballar sobre as raíces do problema.
Unha das cousas que ocorreron cos dous derramamentos anteriores foi que en realidade traballamos sobre algúns dos síntomas. Fomos moi reactivos, no canto de sermos proactivos en relación co que ocorreu. E o que fixemos foi establecer moratorias nas perforacións das costas leste e oeste. Paramos as perforacións na Reserva Nacional da Vida Salvaxe no Ártico, pero non reducimos a cantidade de petróleo que consumiamos. De feito, continuou a aumentar. O único que pode reducir a cantidade de petróleo que consumimos é incrementar os prezos. Como poden ver, a nosa produción propia baixou a medida que os nosos xacementos se fan vellos e caros de perforar. Só temos o dous por centro das reservas mundiais de petróleo. O sesenta e cinco por cento está no Golfo Pérsico.
Unha das cousas que ocorreron por causa disto é que, desde 1969, Nixeria, ou a parte dela en que se extrae petróleo, o Delta --que ten o dobre do tamaño de Maryland-- tivo milleiros de derramamentos ao ano. É dicir, estivemos basicamente exportando derramamentos de petróleo ao importármolo de lugares sen regulacións ambientais ríxidas. Isto vén sendo o equivalente a un derramamento do Exxon Valdez cada ano desde 1969. E podemos agochar as cabezas en relación cos derramamentos, porque isto é o que vemos aquí, pero, na verdade, estes fulanos viven realmente nunha zona de guerra. Hai milleiros de mortes anuais relacionadas coas guerras nesta área que é o dobre de grande ca Maryland, e todas están relacionadas co petróleo. E esta xente, é dicir, se viviran nos Estados Unidos pode que estiveran aquí, nesta sala. Teñen títulos en ciencias políticas, en empresariais. Son emprendedores. En realidade, non queren facer o que están facendo. E son outro dos grupos de persoas que pagan o prezo por nós.
Outra cousa que fixemos a medida que seguimos a incrementar a demanda é que medio xogamos aos agochos cos custos. Un dos lugares en que instalamos un gran proxecto petrolífero é en Chad, con Exxon. Os contribuentes americanos pagan por el; o Banco Mundial pagou por el; e Exxon. Pospuxémolo. Había un grandísimo problema de bandidaxe. Estiven alí en 2003. Estabamos conducindo por esta estrada tan tan escura, e saíu un home de verde, e eu pensei: "Ahhh! Isto é o fin." E entón, saíu o home co uniforme de Exxon e decatámonos de que todo ía ben. Teñen o seu propio exército privado arredor deles nos campos petrolíferos. Pero ao mesmo tempo, Chad volveuse moito máis inestábel, e nós non estamos a pagar no surtidor ese prezo. Pagámolos cos nosos impostos o 15 de abril.
Facemos o mesmo cos custos de patrullar o Golfo Pérsico e manter abertas as rutas marítimas. Esta foto é de 1988. Ese ano, bombardeamos dúas plataformas petrolíferas iranís. Foi o comezo dunha escalada de implicación americana alí pola que non pagamos no surtidor. Pagamos o 15 de abril, e nin tan sequera podemos calcular os custos desa implicación. Outro lugar que está sostendo, en certa forma, a nosa dependencia do petróleo e o noso consumo crecente é o Golfo de México, que non foi incluído nas moratorias. O que pasou no Golfo de México... como poden ver, este é o gráfico do Servizo de Xestión de Minerais de pozos petrolíferos e de gas. Converteuse nesta zona intensamente industrializada. Isto non ten a mesma repercusión en nós cá Reserva Nacional da Vida Salvaxe no Ártico, pero debería, porque é un santuario de aves. Tamén, cada vez que compramos combustible nos Estados Unidos, a metade del estase refinando na costa, porqueo Golfo ten perto do 50 % da nosa capacidade de refinamento e tamén moitas das nosas terminais marítimas. Así que a xente do Golfo estivo -no esencial- subvencionándonos a travén dun medio ambiente máis contaminado.
E por último, as familias estadounidenses tamén pagan un prezo polo petróleo. Por unha banda, o prezo nos surtidores non é realmente moi alto se consideramos o custo actual do petróleo, pero pola outra, o feito de a xente non ter outra opción de transporte significa que gasta gran parte dos seus ingresos en ir e voltar do traballo, normalmente nun coche bastante estragado. Se observamos a xente que gaña 50.000 dólares ao ano, teñen dous fillos, probablemente teñan tres traballos ou máis e teñen que viaxar para traballar. En realidade, están gastando máis no seu coche e en combustible ca en impostos ou en saúde. E o mesmo acontece no percentil 50, arredor dos 80,000 dólares. Os custos de combustible son un enorme sumidoiro na economía estadounidense, pero tamén o son para as familias individuais, e é terrible pensar no que acontece cando os prezos soben.
Entón, do que lles vou falar agora é: Que temos que facer desta vez? Cales son as leis? Que é o que debemos facer para mantérmonos ben enfocados? Una primeira cousa é mantérmonos afastados do teatro. Precisamos mantérmonos afastados das moratorias. Precisamos focalizar novamente sobre as moléculas. As moratorias están ben, pero precisamos focalizar nas moléculas do petróleo. Unha das cousas que precisamos facer é tentar non enganármonos pensando que podemos ter un mundo verde antes de reducir a cantidade de petróleo que consumimos. Necesitamos poñer o foco na redución de petróleo.
O que vén neste deseño é un esquema de como se usa o petróleo na economía estadounidense. Comezando polo lado -- a parte máis útil está en gris escuro, e as inútiles, coñecidas como enerxía rexeitada, o residuo, aparece na parte superior. Poden ver como o residuo é moito máis grande cá parte máis útil. E unha das cousas que temos que facer é, non só arranxar a eficiencia de consumo dos nosos vehículos e facelos moito máis eficientes, senón arranxar a economía en xeral.
Necesitamos eliminar os incentivos perversos para usar máis combustible. Por exemplo, temos un sistema de seguros polo que a xente que conduce 30000 millas ao ano paga o mesmo seguro ca quen conduce 3000. En realidade, incentivamos á xente a conducir máis. Temos políticas que premian a expansión das cidades. Temos todo tipo de políticas. Precisamos ter máis alternativas de mobilidade. Precisamos facer que os prezos do combustible reflictan mellor os custos reais do petróleo. E precisamos cambiar os subsidios á industria petrolífera, que son, como pouco, de 10000 millóns de dólares ao ano, por algo que lle permita á clase media atopar mellores formas de desprazarse ao traballo. Quer conseguindo coches moito máis eficientes quer creando mercados para novos coches e combustibles, isto é o que temos que facer. Temos que racionalizar todo este ámbito, e poden atopar máis información sobre esta política. Chámase STRONG, que significa -- "Transporte Seguro para a Redución Gradual das Necesidades de Petróleo", e a idea é que, no canto de sentírmonos impotentes, precisamos ser máis fortes. Están en NewAmerica.net. O importante disto é que tentamos pasar do sentimento de impotencia diante do surtidor a ser realmente activos e para pensarmos quen somos en realidade, termos ese momento especial en que atamos os cabos diante do surtidor.
Agora, supostamente, os impostos ao petróleo son un aspecto intocable da política estadounidense. Eu concordo en que un dólar por galón [uns 4 litros] de petróleo é probablemente excesivo, pero penso que se comezamos este ano con tres centavos por galón de gasolina e o aumentamos a seis centavos o ano que vén, e a nove centavos o seguinte, e así ata chegar aos 30 centavos en 2020, poderiamos reducir significativamente o noso consumo de gasolina, e á vez darlle tempo á xente para prepararse, tempo para responder, e poderiamos estar recadando diñeiro e aumentando a concienciación á vez. Déixenme amosarlles un pouco como funcionaría isto.
Este é un tique de combustible, ficticio, do ano vindeiro. O primeiro que vemos é o imposto: temos un imposto para uns EE. UU. máis fortes --33 centavos. Así, non nos sentimos impotentes no surtidor. O segundo que vemos é unha especie de sinal de alerta, moi parecido ao que atopamos nun paquete de cigarros. E que di o seguinte: "A Academia Nacional de Ciencias calcula que cada galón de combustible que usa no seu coche supón 29 centavos en custos sanitarios." Iso é moito. E por iso --podemos ver que estamos pagando considerablemente menos de impostos cós custos sanitarios. E tamén, a esperanza é que comecemos a conectarnos con todo o sistema maior. E ao mesmo tempo, no tique temos ao que podemos chamar para obter máis información sobre formas de desprazamento, ou sobre un préstamo a xuros baixos para mercar un tipo diferente de coche, ou para calquera cousa que necesite para reducir a súa dependencia da gasolina. Con todo este abano de políticas, poderiamos reducir o noso consumo de gasolina -- ou o noso consumo de petróleo-- nun 20 % para o 2020. É dicir, tres millóns de barrís ao día.
Pero para facer isto unha das cousas que precisamos facer é lembrar que somos o pobo dos hidrocarburos. Precisamos manter as mentes nas moléculas e non distraernos co teatro, nin coa disonancia cognitiva das posibilidades "verdes" que hai aí fóra. Precisamos ir á cerna do asunto e facer o traballo difícil de reducir a nosa dependencia deste combustible e destas moléculas.
You can share this video by copying this HTML to your clipboard and pasting into your blog or web page. This video will play with subtitles.
You either have JavaScript turned off or have an old version of the Adobe Flash Player. To view this rating widget you
need to get the latest Flash player.
If your browser allows only "trusted sites" to execute Javascript, you should add the "googleapis.com" domain to your whitelist to allow our Flash detection to work properly.
Got an idea, question, or debate inspired by this talk? Start a TED Conversation, or join one of these:
Despois do derramamento de petróleo no Golfo de México, Lisa Margonelli afirma que as moratorias en perforacións e as expulsións de executivos supoñen bos xestos teatrais, pero distraen a atención da cerna do asunto: o noso consumo ilimitado de petróleo. Ela comparte o seu ousado plan para desenganchar os Estados Unidos do petróleo, enfrontando ós consumidores co seu custo real.
Director of the New America Foundation Energy Policy Initiative, Lisa Margonelli writes about the global culture and economy of energy. Full bio »
Translated into Galician by Xusto Rodriguez
Reviewed by Adrián Levices Casal
Comments? Please email the translators above.
19:55 Posted: Jul 2010
Views 289,465 | Comments 321
Just follow the guidelines outlined under our Creative Commons license.
This comment will be attributed to . Not ? Sign Out.