En 1994 entrei nunha prisión en Camboxa e coñecín un neno de 12 anos que fora torturado e ao que lle denegaran o acceso a un avogado. E ao miralo aos ollos decateime de que dos centos de cartas que tiña escrito a presos políticos, nunca lle escribira ningunha carta para el, porque non era un rapaz de 12 anos que fixera algo importante para alguén. Non era un preso político. Era un neno de 12 anos que roubara unha bicicleta. Do que tamén me decatei daquela foi que non só era en Camboxa, senón que dos 113 países en vías de desenvolvemento que torturaban, 93 destes países aprobaron leis que outorgan o dereito a un avogado e o dereito a non ser torturado.
E decateime de que existía unha incrible ventá de oportunidades para todos nós como comunidade mundial para poder unirnos e pórlle fin á tortura como método de investigación. A miúdo pensamos na tortura como unha forma de tortura política ou que está reservada tan só para os peores pero, de feito, o 95 % das torturas de hoxe en día non son para presos políticos. Son para persoas que se atopan en sistemas xudiciais colapsados e, por desgraza, posto que a tortura é a forma máis barata de investigación (é máis barato que ter un sistema xudicial, máis barato que ter un avogado ou acceso temperán a asistencia) é o que ocorre a maioría das veces. A día de hoxe coido que si é posible para nós como comunidade mundial, se tomamos esa decisión, unirnos e rematar coa tortura como método de investigación durante a nosa vida, pero isto requirirá de tres cousas. Primeiro vén a formación, a atribución de poder e a conexión de defensores a escala mundial.
A segunda é garantir que existe un acceso temperán e sistemático á asistencia. E a terceira é o compromiso. Por iso no ano 2000, comecei a preguntarme, e se nos unimos? Poderiamos facer algo por eses 93 países? E fundei a International Bridges to Justice que ten como misión específica a de rematar coa tortura como método de investigación e poñer en práctica os debidos dereitos procesuais nestes 93 países, situando a avogados cualificados nunha fase inicial en comisarías e en tribunais. Porén, as miñas primeiras experiencias viñeron de Camboxa e das lembranzas da miña primeira visita a Camboxa, cando había, en 1994, aínda menos de 10 avogados no país porque o Khmer Vermello matáraos a todos.
E mesmo 20 anos despois, tan só había 10 avogados no país e, polo tanto, ao entrares nunha prisión non só te atopabas cun rapaz de 12 anos, senón que te atopabas con mulleres tamén e o preguntarlles "Por que estades aquí?", elas respondían: "Pois levamos aquí dende fai 10 anos porque o meu marido cometeu un delito pero non o poden atopar". É un lugar onde non existía o estado de dereito.
O primeiro grupo de defensores xuntouse e aínda me lembro, mentres me formaba, que preguntei: "Ben, que facedes para investigar?". E a sala quedárase en silencio e, finalmente, unha muller levantouse, [nome inaudible], e dixo "Khrew" que significa "mestre". E dixo: "Teño defendido máis dun cento de persoas e endexamais tiven que facer ningunha investigación, porque todos veñen con confesións".
E falamos, como clase, do feito que primeiro, as confesións talvez non son fiables e, segundo, non queriamos animar á policía a que seguise facendo isto, sobre todo porque agora ía en contra da lei. E estes defensores tiveron que armarse de valor para decidir que comezarían a defender e apoiarse entre eles para poder poñer en práctica estas leis. E aínda me lembro dos primeiros casos onde viñeron, os 25 xuntos, ela de pé e o resto detrás, e eles apoiábana, mentres os xuíces seguían dicindo: "Non, non, non, non, imos a facer as cousas da mesma maneira na que se levan feito ata o de agora".
Pero un día apareceu o caso perfecto. Era unha muller que vendía verduras e que estaba sentada fóra dunha casa. Ela afirmou que en realidade vira á persoa saír correndo e cría que roubara as xoias en cuestión, pero a policía chegou, e collérona, pero ela non tiña nada enriba. Por aquel entón ela estaba embarazada. Tiña queimaduras de cigarros. Tivera un aborto. E cando se levou o seu caso ante un xuíz, por primeira vez este parouse e dixo: "Si, non existen probas excepto pola confesión baixo tortura e polo tanto será posta en liberdade".
E os defensores comezaron a levar casos unha e outra vez e como veredes, pouco a pouco foron comezando a cambiar o curso da historia de Camboxa. Pero Camboxa non está soa. Adoitaba pensar: entón é só en Camboxa? Ou tamén ocorre noutros países? Pero ocorre en tantos países…
En Burundi entrei nunha prisión e non había un rapaz de 12 anos, senón un neno de 8 anos que roubara un teléfono móbil. Ou unha muller, collín en brazos ao seu bebé, un bebé moi fermoso, e dixen: "O teu bebé é tan lindo!". Pero non era un bebé, a nena tiña tres anos. E ela díxome: "Si, pero estou aquí por ela", xa que estaba acusada de roubar dous cueiros e un ferro de pasar para o seu bebé e aínda así estaba en prisión. E cando fun xunto do director da prisión, díxenlle: "Tes que deixala en liberdade. Un xuíz deixaríaa libre". E el respondeume: "Vale, podemos falalo, pero mira a miña prisión. O 80 % dos dous milleiros de persoas aquí están sen avogados. Que podemos facer nós?" E entón os avogados comezaron a xuntarse para organizar un sistema onde puidesen levar os casos. E decatámonos que non só era a formación dos avogados, senón a conexión dos avogados a que marcaba a diferenza.
Por exemplo, en Camboxa, o que pasou foi que [nome inaudible] non foi soa senón que tiña a 24 avogados con ela que se uniran. E da mesma maneira, na China, sempre me contan que "É coma un vento fresco no deserto cando podemos reunirnos". Ou en Cimbabue, onde me lembro de Innocent, despois de saír dunha prisión onde todo o mundo se ergueu e dixo: "Levo aquí dende fai un ano, oito anos, doce anos sen un avogado", e viu e formámonos xuntos. Díxome: "Oín dicir…" (porque escoitara a xente murmurar e laiarse) "oín dicir que non podemos axudar a crear xustiza xa que non dispoñemos dos recursos". E despois matizou: "Pero quero que saibas que a falta de recursos nunca foi escusa para a inxustiza". E con isto organizou con éxito a 68 avogados que levan collendo os casos de maneira sistemática.
Así e todo, a solución que atopamos foi a formación e logo, o acceso temperán. Fai pouco que estiven en Exipto e decidín reunirme con outro grupo de avogados. O que me contaron foi que eles dicían: "Mira, agora non temos policía nas rúas. A policía é unha das principais razóns polas que tivemos a revolución. Torturaban a todo o mundo a todas horas". E eu díxenlles: "Pero aquí investíronse decenas de millóns de dólares recentemente no desenvolvemento do sistema xudicial. Que está ocorrendo entón?" Reuninme cunha das axencias de desenvolvemento e estaban a formar fiscais e xuíces, que resulta ser a tendencia normal, no canto de defensores. Mostráronme tamén un manual que de feito era excelente. E díxenlles: "Vou copialo". Tíña todo nel. Os avogados poden vir á comisaría de policía. Era perfecto. Os fiscais estaban perfectamente formados. Pero díxenlles: "Só teño unha pregunta. Antes de que todos chegaran á oficina do fiscal, que pasaba con eles mentres?" E tras unha pausa, respondían: "Torturábanos".
E polo tanto as pezas clave son non só a formación dos avogados, senón atopar unha maneira para pór en práctica sistematicamente o acceso temperán á asistencia, porque eles son a garantía no sistema para a xente que está a ser torturada. E mentres vos conto isto, tamén son consciente de que soa como un "Si, claro, parece como se se puidese facer, pero podémolo facer en realidade?" Porque parece algo enorme. E son moitas as razóns polas que creo que si é posible. A primeira delas é que as persoas sobre o terreo atopan maneiras de crear milagres grazas ao seu compromiso. E non só é Innocent, de quen vos falei en Cimbabue, senón tamén defensores por todo o mundo que están a buscar ditas pezas clave. Temos un programa chamado JusticeMakers, e decatámonos de que había xente afouta e que quería axudar, pero como podiamos apoialos? Tan só é un concurso en liña onde se poden gañar cinco mil dólares se se che ocorre algunha idea innovadora de poñer en práctica a xustiza. E existen 30 JusticeMakers en todo o mundo, dende Sri Lanka ata Swazilandia ou a República Democrática do Congo, que con cinco mil dólares fan cousas incribles, mediante programas por SMS, programas paralegais e calquera maneira que atopan.
E non só existen estes JusticeMakers, senón que tamén hai xente valente que comprende cales son os seus contactos e como poden avanzar con eles.
Por exemplo, na China promulgáronse leis que impedían que os policías puidesen torturar á xente xa que serían castigados. E mentres estaba sentada xunto a un dos nosos valentes avogados, díxenlle: "E como poderemos espallalo? Como poderemos asegurarnos de que isto se porá en práctica? Isto é fantástico". E el contestoume: "Ti tes cartos?" E respondín: "Non". E el díxome: "Está ben, aínda así atoparemos a maneira". E o 4 de decembro organizou a tres mil membros da Unión da Xuventude Comunista, de 14 das mellores escolas de dereito, que se organizaron eles mesmos e elaboraron pósters coas novas leis e foron ás comisarías de policía e comezaron cunha revolución legal non violenta, segundo dicía el, para protexer os dereitos dos cidadáns. Xa falei do feito que precisamos formar e apoiar aos defensores. Necesitamos pór en práctica de forma sistemática o acceso temperán á asistencia. Pero o terceiro e último punto, o máis importante, é que nos comprometamos con isto.
E normalmente a xente dime: "Pois isto está moi ben, pero é demasiado idealista. Xamais ocorrerá". E o motivo polo que considero que esta opinión é interesante é porque esa foi exactamente a mesma opinión que se empregou para as persoas que se decidiron a rematar coa escravitude ou o apartheid. Comezou cun pequeno grupo de persoas que decidiron implicarse.
Un dos nosos poemas favoritos dos defensores, que eles comparten entre si mesmos, é: "Fai falla valor, amigos, o camiño acostuma ser longo, a ruta nunca é clara, e hai moito en xogo, pero no fondo, non estades sos". E estou segura de que se podemos unirnos como unha comunidade mundial para apoiar non só aos defensores, senón tamén a todo o mundo no sistema que estea intentando acadalo, poderemos rematar coa tortura como método de investigación. E sempre remato, porque sei que a pregunta será (e será un pracer falar con vós nalgún momento) "Pero que podo facer eu realmente?" Pois en primeiro lugar diríavos que xa sabedes o que podedes facer. E en segundo lugar, deixaríavos coa historia de Vishna, que de feito foi a miña inspiración para fundar a International Bridges to Justice.
Vishna era un neno de catro anos cando o coñecín. Nacera nunha prisión camboxana na provincia de Kandal. Pero como nacera na prisión, todos lle tiñan moito aprecio, mesmo os gardas, polo que era o único que podía entrar e saír de entre as reixas. E claro, como sabedes, hai reixas. E para cando Vishna comezou a medrar, que é o que tamén medra? A cabeza. O que facía era pasar pola primeira reixa, e pola segunda e logo pola terceira, e despois, moi de vagar, movía a cabeza para poder pasala a través e volvía: dende a terceira ata a primeira. E collíame o dedo maimiño, porque o que el quería facer a diario era ir visitar. Por suposto, nunca conseguía visitar a todo o mundo a diario, pero si quería visitar a todos os 156 presos. E ao collelo, el pasaba os seus dedos a través. Ou se as celas estaban escuras, era como ferro ondulado e pasaba os seus dedos a través.
E a meirande parte dos presos afirmaban que era a súa maior ledicia e o seu sol e que sempre o agardaban ansiosos. E eu pensaba: aquí está Vishna. Un neno de catros anos. Naceu nunha prisión sen case nada, sen bens materiais, pero cun sentido da súa propia viaxe heroica, que na miña opinión todos nacemos nunha. E contoume: "Seguramente non poderei facelo todo. Pero son unha persoa. Podo facer algo. E farei a única cousa que podo facer". E por iso vos agradezo por ter a imaxinación profética para imaxinar a formación dun novo mundo con todos nós xuntos e convídovos a facer este viaxe connosco.
You can share this video by copying this HTML to your clipboard and pasting into your blog or web page. This video will play with subtitles.
You either have JavaScript turned off or have an old version of the Adobe Flash Player. To view this rating widget you
need to get the latest Flash player.
If your browser allows only "trusted sites" to execute Javascript, you should add the "googleapis.com" domain to your whitelist to allow our Flash detection to work properly.
Got an idea, question, or debate inspired by this talk? Start a TED Conversation.
Os presos políticos non son os únicos torturados: a meirande parte das torturas xudiciais ocorren en casos ordinarios, mesmo en sistemas legais "en funcionamento". A activista social Karen Tse móstranos como podemos e deberiamos defender e rematar co uso da tortura como procedemento rutinario.
In too many countries, it's still normal to torture prisoners for confessions and information. Karen Tse works to end that. Full bio »
Translated into Galician by Andrés Trigo
Reviewed by Raquel Uzal
Comments? Please email the translators above.
54:56 Posted: Dec 2009
Views 341,498 | Comments 274
23:16 Posted: Sep 2008
Views 2,578,978 | Comments 309
14:08 Posted: Dec 2006
Views 306,290 | Comments 45
Just follow the guidelines outlined under our Creative Commons license.
This comment will be attributed to . Not ? Sign Out.