Lembrades a historia de Ulises e as Sereas que nos contaban no colexio? Este heroe, Ulises, estaba de camiño de volta á casa despois da Guerra de Troia. E cando estaba na cuberta do seu barco, dirixiuse ao seu primeiro oficial e díxolle: "Mañá navegaremos ao lado desas rochas, onde habitan fermosas mulleres chamadas Sereas. E estas mulleres cantan unha canción deleitosa, unha canción tan fascinante que tódolos navegantes que a escoitan coliden contra as rochas e morren". Visto o panorama, un agardaría que elixisen unha ruta alternativa e así evitar as Sereas, mais no canto diso Ulises dixo: "Quero escoitar esa canción. Así que o que vou facer é verter cera nos teus oídos e nos do resto da tripulación. Quedade con isto, así non poderedes oír a canción, e logo atarédesme ao mastro para que eu poida escoitala e así poderemos seguir navegando sen máis". Isto é un capitán poñendo en perigo a vida das persoas do barco para poder escoitar unha canción.
E gustaríame pensar que de ser así, farían algún ensaio. Ulises diría: "Veña, imos facer unha proba. Atádesme ao mastro e vouvos suplicar e rogar. E non importa o que diga, non podedes desatarme do mastro. Ben, atádeme logo". E o primeiro oficial colle unha corda e ata a Ulises ao mastro cun bo nó. Ulises fai a súa mellor interpretación e di: "Desatádeme. Desatádeme. Quero escoitar esa canción. Desatádeme". E o primeiro oficial prudentemente resístese e non desata a Ulises. E logo Ulises di: "Vexo que o pillastes. Ben, desatádeme e vaiamos cear algo". E o primeiro oficial dubida. Pensa: "É parte do ensaio, ou debería de facerlle caso?" E o oficial pensa: "Supoño que o ensaio terá que rematar nalgún momento". Así que desata a Ulises e este tolea. Dille: "Parvo, inútil. Se fas iso mañá hei morrer, ti has morrer e todos neste barco han morrer. Non me desates pase o que pase". E tira ao oficial ao chan. Isto mesmo repítese durante a noite: ensaiar, atar ao mastro, enganar para librarse, golpear ao pobre primeiro oficial sen piedade. E todo o mundo ri.
O de atarse ao mastro é quizais o exemplo máis antigo do que os psicólogos chaman un mecanismo de compromiso. Un mecanismo de compromiso é unha decisión que fas coa cabeza fría para comprometerte e así non facer nada que poidas lamentar cando teñas a cabeza quente. Porque hai dúas cabezas dentro de cada un se o pensades. Os expertos evocan a miúdo esta metáfora dos dous eus no tocante a cuestións de tentación. En primeiro lugar está o eu presente. Este é coma Ulises cando escoita a canción. O único que quere é estar en primeira fila. Só pensa no aquí, no agora e a gratificación inmediata. Pero logo está o outro eu, o eu futuro. Este é o Ulises de maior que só quere asentarse nunha vila soleada coa súa muller Penélope nas aforas de Ítaca-- a outra Ítaca.
Entón, por que precisamos mecanismos de compromiso? Pois ben, resistir a tentación é difícil, como dixo o economista inglés do século XIX Nassau William senior: "Absterse do gozo que está no noso poder, ou procurar resultados distantes antes cos inmediatos, son uns dos esforzos máis aflitivos do ser humano". Se te estabeleces obxectivos e es coma o resto da xente, seguramente haste decatar de que non é que os teus obxectivos sexan fisicamente imposíbeis e por iso non os consegues, o que pasa é que careces da autodisciplina para realizalos. Fisicamente é posíbel perder peso. Fisicamente é posíbel facer máis exercicio. Pero resistir a tentación é difícil.
A outra razón pola que é difícil resistir a tentación é porque se trata dunha batalla desigual entre o eu presente e o eu futuro. É dicir, afrontémolo, o eu presente está presente. É o que ten o control. É o que manda agora. Está nos nosos fortes e heroicos brazos que levan as rosquiñas á nosa boca. E o eu futuro nin sequera está próximo. Está moi lonxe no futuro. É feble. Nin sequera ten un avogado presente. Non hai ninguén que defenda o eu futuro. E así o presente pode esnaquizar os seus soños. Esta é a batalla entre os dous eus, e precisamos mecanismos de compromiso para nivelar as forzas.
En verdade son un fan dos mecanismos de compromiso. Atarse ao mastro é o máis vello, pero existen outros como poñer baixo chave unha tarxeta de crédito ou non mercar comida lixo para non comela ou desconectar a túa conexión a Internet para non usar o ordenador. Creei mecanismos de compromiso de meu moito antes de saber o que eran. Cando era un famélico estudante de post-doutoramento na Universidade de Columbia, estaba nunha fase da miña carreira de "publica ou morre". Tiña que escribir cinco páxinas ao día de artigos académicos ou perder cinco dólares.
E cando intentas executar estes mecanismos de compromiso, decátaste de que o demo está nos detalles. Porque non é doado perder cinco dólares. É dicir, non podes queimalos; é ilegal. E pensei, ben, podo doalos á caridade ou darllos á miña muller ou algo así. Pero logo pensei, vaites, estoume enviando mensaxes mesturadas. Porque non escribir está mal, pero doalos está ben. Así que podería xustificar o non escribir facendo un agasallo. E logo deille voltas e pensei, ben podo darlle o agasallo aos neo-Nazis. Pero iso sería máis malo que o bo que é escribir, e non había funcionar. Así que finalmente decidín que había deixalos metidos nun sobre no metro. Ás veces encontraríaos alguén bo, e outras veces alguén mao. De media, é un intercambio inútil de cartos que había lamentar. (Gargalladas) Así é cos mecanismos de compromiso.
Pero a pesar da miña simpatía cara eles, hai dúas preocupacións perturbadoras que sempre tiven con respecto aos mecanismos de compromiso, e seguramente vós as sentides se tamén os empregades. A primeira é, que cando adoptas un destes mecanismos, coma este contrato polo que ou escribes tódolos días ou pagas, é só un recordatorio constante de que non tes autocontrol. Diste a ti mesmo: "Sen ti, mecanismo de compromiso, non son ren, non teño autodisciplina". E cando esteas nunha situación na que non teñas mecanismo de compromiso, coma: "Deus, este tío ofréceme unha rosquiña, e non teño mecanismo de defensa... simplemente cómela. Non me gusta como che sacan o poder. Penso que a autodisciplina é coma un músculo. Canto máis a exercitas máis forte se fai.
O outro problema cos mecanismos de compromiso é que sempre podes escapar deles. Dis: "Claro, hoxe non podo escribir porque vou dar unha charla en TED e teño cinco entrevistas e logo vou a unha festa e voume emborrachar. E non hai forma de que isto funcione". Polo que si, somos coma Ulises e o seu primeiro oficial nunha mesma persoa. Preséntaste, átaste logo intentas fuxir, e logo dáste unha malleira.
Así que estiven traballando durante case unha década para achar outros camiños para mudar a relación da xente co seu eu futuro sen usar os mecanismos de compromiso. Estou particularmente interesado na relación co eu futuro financeiro. Este é un tema oportuno. Estou falando do tema do aforro. O aforro é un problema dos dous eus. O eu presente non quere aforrar nada. Quere consumir. Mentres que o eu futuro quere que o presente aforre. Este é un problema oportuno. Observamos os índices de aforro que foron diminuíndo dende os anos cincuenta. Ao mesmo tempo, o Índice de Risco da Xubilación, a posibilidade de non ser quen de cubrir as necesidades na xubilación, foi en aumento. E agora estamos na situación na que de cada tres nacementos, o Instituto Global McKinsey predí que dous non van ser quen de cubrir as súas necesidades pre-xubilatorias cando estean xubilados.
Entón, que podemos facer? Hai un filósofo, Derek Parfit, que serviu de inspiración para os meus coautores e para min. Dixo que: "Descoidamos o noso futuro por algún tipo de crenza errónea ou imaxinación". É dicir, por algún motivo non pensamos que nos faremos vellos, ou non somos quen de imaxinar que nos imos facer vellos algún día. Por unha parte, soa ridículo. Naturalmente, sabemos que imos ir a vellos. Pero hai cousas que cremos e non cremos ao mesmo tempo, non si?
Así que os meus coautores e eu empregamos as computadores, a mellor ferramenta do noso tempo, para axudar á imaxinación da xente, axudándolles a imaxinar como sería chegar ao futuro. Vouvos mostrar algunha destas ferramentas. A primeira chámase o construtor de distribución. Amósalle á xente como vai ser o futuro mostrándolles un cento de resultados probables que se poden obter no futuro. Cada resultado preséntao un destes indicadores, e cada un sitúase nunha fila que representa o nivel de riqueza e xubilación. Se está na cima quere dicir que estás gozando dunha grande renta na xubilación. Se está abaixo quere dicir que o estás pasando mal para chegar a fin de mes. Cando fas un investimento, o que en realidade dis é: "Acepto que calquera destas 100 cousas me poidan pasar e determinen a miña riqueza".
Podes intentar cambiar os teus resultados. Podes intentar manipular o teu destino, como fai esta persoa, pero facelo vaiche custar algo. Quere dicir que tes que aforrar máis hoxe. Unha vez que achas un investimento co que estás contento, o que a xente fai é clicar en "feito" e os indicadores comezan a desaparecer, a modo, un por un. Simula como sería investir en algo e ver concluír ese investimento. Ao final, só quedará un indicador que ha determinar a nosa riqueza ao xubilarnos.
Si, esta persoa xubilouse co 150% da súa renda de traballador na xubilación. Fan máis cartos cando están xubilados có que facían mentres traballaban. Se sodes como a maioría da xente, en busca do que vos dea unha pequena sensación de ledicia, pensade en facer o 50% máis de cartos na xubilación ca antes. Porén, se acabastes na parte máis baixa, pode que vos dea unha lixeira sensación de terror e/ou náusea, ao pensar en como saír adiante na xubilación. Empregando esta ferramenta unha e outra vez e simulando resultado tras resultado, a xente pode entender que os investimentos e aforros que fagan hoxe han determinar o seu benestar no futuro.
Agora a xente déixase levar polas emocións, pero xente distinta acha distintas cousas que a motiven. Esta é unha simulación que emprega gráficos, pero outra xente motívase co que os cartos poden mercar, non só con números. Fixen un construtor de distribución onde en lugar de amosar resultados numéricos, amósalle á xente os resultados que lle levarán a ter un apartamento se se xubila con 3000, 2500, 2000 dólares por mes e así sucesivamente. Segundo baixas o nivel do apartamento, ves como vai de peor en peor. Algúns parécense a apartamentos nos que vivín cando era estudante. E cando chegas ao final, enfróntaste coa infeliz realidade de que se non aforraches para a túa xubilación, non serás quen de ter ningún tipo de casa. Estas son fotografías de apartamentos reais alugados por unha cantidade anunciada en Internet.
O último que vos hei amosar, a última máquina do tempo comportamental, é algo que creei xunto con Hal Hershfield, que coñecín grazas ao meu coautor dun proxecto anterior, Bill Sharpe. Isto é unha exploración dentro da realidade virtual. O que facemos é tomar fotos da xente, neste caso, estudantes, e usamos un programa para envellecelos e amosarlles como han ser cando teñan 60, 70, 80 anos. E intentamos comprobar se en realidade estimular a túa imaxinación cando ollas a túa cara no futuro pode mudar o teu comportamento á hora de investir.
Este é un dos nosos experimentos. Vemos a face dun mozo á esquerda. Leva un control que lle permite regular o seu índice de aforros. Cando facemos baixar os seus aforros, quere dicir que non está aforrando nada, cando está á esquerda de todo. Podedes ver a súa renda anual. Esta é a porcentaxe de soldo que leva hoxe á casa, é bastante alta, 91 por cento, pero a súa renda para a xubilación é bastante baixa. Vaise xubilar co 44% do que gañaba mentres traballaba. Se aforra a cantidade máxima legal os seus ingresos na xubilación medran, pero el é infeliz porque ten menos cartos que gastar hoxe. Outras condicións amósanlle á xente o eu futuro. E dende o punto de vista do eu futuro, todo está ao revés. Se aforras pouco o eu futuro é infeliz se ten que vivir co 44% dos ingresos. Mentres que se o presente aforra moito, o eu futuro está encantado, cando os ingresos están preto do 100%.
Para transmitir isto a unha audiencia máis ampla, estiven traballando con Hal e Allianz coa fin de crear o que chamamos a máquina do tempo comportamental onde non só te ves no futuro, se non que tamén ves anticipadamente as reaccións emocionais para diferentes niveis de riqueza na xubilación. Así que por exemplo, aquí hai alguén que emprega a ferramenta. Observade as expresións faciais cando movemos a frecha. O rostro novo ponse cada vez máis feliz cando non aforra nada. O rostro ancián tórnase miserable. E pouco a pouco subimos a frecha a un nivel de aforros medio. E logo a un nivel alto. O rostro novo tórnase infeliz. O rostro ancián pola contra está máis satisfeito coa decisión. Imos ver se isto afecta ao que fai a xente. O mellor disto é que non condiciona ás persoas, xa que cando un rostro sorrí o outro torce o fociño. Non vos di onde poñer a frecha, só vos lembra que estades conectados e legalmente atados a este eu futuro.
As vosas decisións hoxe han determinar o voso benestar. E iso é algo doado de esquecer. O uso desta realidade virtual non só é bo para que a xente se vexa cando sexa maior. Hai programas que podedes conseguir para ver como a xente se vai ver se fuman, se lles dá moito o sol, se gañan peso e demais. E o bo é, que ó contrario dos experimentos que Hal e eu levamos a cabo xunto con Russ Smith, non tedes que programalos vós para chegar a ver a realidade virtual. Hai aplicacións que podedes conseguir en smartphones por uns poucos dólares que fan o mesmo. Esta é unha fotografía de Hal, o meu coautor. Recoñecédelo polas tomas anteriores. E só por diversión, pasamos esta foto a través dunha aplicación para perder pelo, envellecer e gañar peso para ver que aspecto tería. Hal está aquí, así que acho que lle debo a el e a vós esquecer a última imaxe. E vouno deixar aquí.
No nome de Hal e meu, deséxoves o mellor para os seus eus presentes e futuros. Grazas
You can share this video by copying this HTML to your clipboard and pasting into your blog or web page. This video will play with subtitles.
You either have JavaScript turned off or have an old version of the Adobe Flash Player. To view this rating widget you
need to get the latest Flash player.
If your browser allows only "trusted sites" to execute Javascript, you should add the "googleapis.com" domain to your whitelist to allow our Flash detection to work properly.
Got an idea, question, or debate inspired by this talk? Start a TED Conversation.
Cada día tomamos decisións que teñen boas ou más consecuencias para o noso futuro. Daniel Goldstein constrúe ferramentas que axudan a que nos imaxinemos a nós mesmos co paso do tempo e así poidamos facer as eleccións axeitadas para o noso futuro.
Daniel Goldstein studies how we make decisions about our financial selves -- both now and in the future, Full bio »
Translated into Galician by Adrián Levices Casal
Reviewed by Raquel Uzal
Comments? Please email the translators above.
19:45 Posted: Jul 2010
Views 651,074 | Comments 591
17:26 Posted: May 2009
Views 2,167,619 | Comments 224
14:33 Posted: Apr 2009
Views 435,401 | Comments 193
Just follow the guidelines outlined under our Creative Commons license.
This comment will be attributed to . Not ? Sign Out.