Algo chamado o "estudo dos xemelgos dinamarqueses" constatou que só preto dun 10% da vida media dunha persoa dentro de certos límites biolóxicos, é determinado polos xenes. O outro 90% é ditado polo noso estilo de vida. Polo tanto, esta é a premisa de Zonas Azuis: se é que podemos atopar o estilo de vida ideal para a lonxevidade, podemos chegar a unha fórmula de feito para a lonxevidade.
Pero se preguntamos ó estadounidense medio cal é a fórmula ideal para a lonxevidade, probablemente non saberá dicirche. Posiblemente escoitou falar da dieta de South Beach ou a dieta Atkins. Tamén coñeceredes a pirámide alimentaria do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos. E o que Oprah di. E o que di o Dr Oz.
A realidade é que hai moita confusión sobre o que realmente nos axuda a vivir máis e mellor. Debemos correr maratóns ou facer ioga? Debemos comer carne orgánica ou debemos comer tofu? No que se refire os suplementos vitamínicos debemos tomalos? E que dicir de tomar hormonas ou Resveratrol? E ter un propósito tamén inflúe? A espiritualidade? E as nosas relacións sociais?
Así, a nosa visión na busca da lonxevidade foi formar un equipo coa National Geographic e co Instituto Nacional do Envellecemento, para atopar catro zonas con datos demográficos confirmados que estiveran xeograficamente definidas. E logo levar alí un equipo de expertos para analizar metodicamente o que fan exactamente estas persoas, e mostrar así unha revelación de carácter transcultural.
E ó final direivos cal é esa revelación. Pero primeiro gustaríame refutar algúns mitos comúns en relación coa lonxevidade. E o primeiro mito é que se pos todo da túa parte, entón podes vivir 100 anos. Falso. A cuestión é que só unha de cada 5.000 persoas nos Estados Unidos pode vivir ata os 100 anos. As vosas posibilidades son moi baixas. A pesar de ser o grupo da poboación que está a crecer máis rápido nos Estados Unidos é difícil chegar ós 100 anos. O problema é que non estamos programados para a lonxevidade. Estamos programados para algo chamado "éxito reprodutivo". Encántame esta palabra. Lémbrame dos meus días na facultade.
Co termo “éxito reprodutivo” os biólogos refírense á idade na que tes fillos e, a continuación, nunha xeración, á idade na que os teus fillos teñen fillos. Despois diso, o efecto da evolución disípase por completo. Se es un mamífero, se es un rato ou un elefante ou un ser humano, é a mesma historia. Entón, para chegar a 100 anos, non só debes ter un estilo de vida moi bo, tamén tivo que tocarche a lotería xenética.
O segundo mito é que hai tratamentos que poden axudar a retardar, impedir ou mesmo deter o envellecemento. Falso. Se o pensades ben, existen 99 cousas que poden avellentarnos. Se privades o cerebro de osíxeno durante varios minutos, as células cerebrais morren, pérdense para sempre. Se xogades ó tenis con moita intensidade, deteriórase a cartilaxe nos xeonllos, E a cartilaxe non se recupera. As nosas arterias poden bloquearse. Os nosos cerebros poden dexenerar coa placa arterial e podemos ter Alzheimer. Moitas cousas poden saír mal.
O noso corpo ten 35 trillóns de células, un trillón con "T". Estamos a falar de valores equivalentes á débeda nacional. (Risos) Estas células substitúense cada oito anos. E cada vez que o fan prodúcese algún dano. E este dano acumúlase. E acumúlase exponencialmente. É un pouco coma cando todos nós tiñamos os álbums dos Beatles ou dos Eagles e faciamos unha copia en cinta casete, para que os nosos amigos copiasen a cinta e, en breve, despois de varias copias a cinta soaba fatal. Ben, o mesmo acontece coas nosas células. É por iso polo que unha persoa de 65 anos envellece a un ritmo 125 veces máis rápido que unha persoa de 12 anos.
Entón, se non se pode facer nada para diminuír ou deter o envellecemento, que estou facendo aquí? Ben, en realidade a ciencia máis avanzada dinos que a capacidade do corpo humano, o meu corpo, o voso corpo é de aproximadamente 90 anos, un pouco máis para as mulleres. Pero a esperanza de vida neste país é só de 78. Entón, nalgún lugar no medio da estrada, deixámonos uns bos 12 anos. Estes son anos que poderiamos vivir. E os estudos amosan que serían anos en gran parte libres de enfermidades crónicas, enfermidades cardíacas, cancro e diabete.
Cremos que a mellor maneira de obter estes anos perdidos é observar as culturas de todo o mundo que os están vivindo, áreas onde as persoas viven ata os 100 anos nunha proporción 10 veces maior cá nosa, áreas onde a esperanza de vida é de doce anos mais, a taxa de mortalidade a mediana idade é unha fracción do que é neste país.
Atopamos a nosa primeira Zona Azul a uns 200 km da costa de Italia, na illa de Sardeña. E non toda a illa, a illa ten preto de 1,4 millóns de persoas, pero só nas terras altas, nunha área coñecida como a provincia de Nuoro. E aquí atopamos a área onde os homes viven máis tempo, case 10 veces máis centenarios dos que hai aquí en Estados Unidos. É un lugar onde a xente non só chega ós 100 anos, senón que o fan cunha forza extraordinaria. Lugares onde persoas de 102 anos aínda van ó traballo en moto, cortan madeira, e poden derrotar a un home 60 anos máis novo ca eles. (Risos)
A súa historia, en realidade, remóntase ó tempo de Cristo. É de feito unha cultura da Idade do Bronce que foi illada. Como a terra é tan estéril son principalmente pastores, que fan regularmente actividade física de baixa intensidade. A súa dieta está baseada principalmente en plantas, complementada con alimentos que poden levar ó campo. Eles desenvolveron un pan de trigo sen fermento chamado "notamusica" e feito de trigo duro, tamén un tipo de queixo a partir de animais alimentados con pasto polo que o queixo é rico en ácidos graxos omega-3, en vez de Omega-6 a partir de animais alimentados con millo, e un tipo de viño que ten tres veces o nivel de polifenois que calquera outro viño coñecido en todo o mundo. Chámase "Cannonau".
Pero eu creo que o verdadeiro segredo está en como organizan súa sociedade. E un dos elementos máis sobresaíntes da sociedade da Sardeña é a forma na que tratan os anciáns. Decatástesvos que aquí nos Estados unidos o valor social parece chegar ó seu punto máis alto en torno ós 24 anos? Basta con ollar os anuncios. Aquí, na Sardeña, canto máis vello es máis valor social tes, alaban a túa maior sabedoría. Se vas ós bares na Sardeña, en vez de ver o calendario de maio de Sports Illustrated, verás o calendario do centenario do mes.
Isto é moi bo para o envellecemento dos pais, o mantelos máis preto da familia, engádelles de catro a seis anos de esperanza de vida adicional, e algúns estudos mostran que tamén é bo para os nenos destas familias, que teñen taxas máis baixas de mortalidade e enfermidades. É o chamado "efecto avoa".
Atopamos a nosa segunda Zona Azul, do outro lado do planeta, aproximadamente 1.300 km ó sur de Tokio, no arquipélago de Okinawa. Okinawa é en realidade un conxunto de 161 pequenas illas. E na parte norte da illa principal, está o punto focal da lonxevidade do mundo. Aquí atópase a poboación de mulleres máis vellas do mundo. É o lugar onde as persoas teñen a maior esperanza de vida sen incapacidade no mundo. Eles teñen o que nós queremos. Viven por moito tempo, e tenden a morrer mentres dormen, moi rapidamente e a miúdo despois de ter sexo, asegúrovolo.
Eles viven preto de sete anos de boa calidade máis que o estadounidense medio. Hai cinco veces máis centenarios dos que hai aquí nos Estados Unidos. Un quinto da taxa de cancro de colon e de mama, as principais causas de morte nos Estados Unidos. E un sexto da taxa de enfermidade cardiovascular. E o feito de que esta cultura produza estes números suxire fortemente que teñen algo que nos ensinar. Que é o que fan? De novo, unha dieta baseada en plantas, chea de vexetais de cores. E comen unhas oito veces máis tofu que os estadounidenses.
Máis importante que o que comen é como o comen. Teñen todo tipo de estratexias para evitar comer en exceso, que, como saberán, é un gran problema aquí nos Estados Unidos. Algunhas das estratexias que observamos: comer en pratos pequenos, polo que comen menos calorías cada vez que o fan. En vez de servir ó estilo familiar, onde podes comer algo sen pensar, mentres se está falando, serven a comida nunha barra, póñena lonxe e a continuación, tráena para a mesa.
Teñen un proverbio de fai uns 3.000 anos, que creo que é o mellor consello posible para unha dieta. Foi inventado por Confucio. E é a dieta coñecida como "Hara, Hatchi, Bu". É só un dito que estas persoas proclaman antes da comida para lembrarse de deixar de comer cando o estómago está cheo ó 80%. Leva preto de media hora para que a plenitude do estómago pase ó cerebro. E lembrarse de parar no 80% axúdanos a non comer demasiado.
Pero, como na Sardeña, en Okinawa teñen algúns modelos sociais que poden ser asociados coa lonxevidade. Sabemos que o illamento mata. Fai quince anos, o estadounidense medio tiña tres amigos íntimos. Agora temos un e medio. Se tes a sorte de nacer en Okinawa, naciches nun sistema onde automaticamente tes media ducia de amigos cos que compartir a vida. Eles chámanlle "Moai". E se estás nun "Moai" espérase que compartas a túa prosperidade se es afortunado, e se as cousas van mal, o teu fillo enferma, ou os teus pais morren, sempre terás a alguén co que podes contar. Neste particular Moai, estas cinco mulleres levan xuntas 97 anos. A súa idade media é de 102.
Normalmente, nos Estados Unidos, dividimos a nosa vida de adultos en dúas partes. A nosa vida de traballo, cando somos produtivos. E entón un día, de súpeto, xubilámonos. E xeralmente isto significa deitarse no sofá, ou ir a Arizona para xogar ó golf. Na linguaxe de Okinawa non hai sequera unha palabra para a xubilación. No seu lugar hai unha palabra que impregna toda a súa vida, e esa palabra é "ikigai". Que traducido máis ou menos significa "a razón pola que te ergues pola mañá."
Para este mestre de Karate de 102 anos de idade, o seu "ikigai" é transmitir esta arte marcial. Para este vello pescador de cen anos é continuar a pescar tres veces por semana para a súa familia. E esta é a cuestión. O Instituto Nacional do Envellecemento deunos un cuestionario para dar a estas persoas centenarias. E unha das preguntas, foron culturalmente moi astutos os que elaboraron o cuestionario. Unha das preguntas era: "cal é o teu ikigai?" E eles sabían inmediatamente por que se erguían polas mañás. Para esta muller de 102 anos, o seu "ikigai" era simplemente a súa tataratataraneta. Dúas mulleres separadas por 101 anos e medio de idade. E eu pregunteille como se sentía ó ter en brazos a súa tataratataraneta. E ela botou a cabeza cara atrás e dixo: "Síntome como se saltase ó ceo". Pensei que era unha idea marabillosa.
O meu editor da National Geographic quería atopar unha Zona Azul nos Estados Unidos. E por un tempo estudamos os prados de Minnesota, onde realmente hai unha proporción moi elevada de centenarios. Pero isto é porque todos os mozos marcharon. (Risos) Por iso, recorremos ós datos de novo. E atopamos a poboación dos Estados Unidos con unha vida máis longa entre os adventistas do sétimo día que se concentran en torno a Loma Linda, California. Os adventistas son metodistas conservadores. Eles conmemoran o día de repouso, o Sabbath, dende o solpor do venres ata o solpor do sábado. Un "refuxio de 24 horas no tempo", así o chaman. E seguen cinco pequenos hábitos que lles dan unha lonxevidade extraordinaria, comparativamente falando.
Aquí nos Estados Unidos, a esperanza de vida dunha muller é dunha media de 80 anos. Pero para unha muller adventista súa esperanza de vida é de 89. E a diferenza é aínda máis pronunciada entre os homes, que se espera que vivan preto de 11 anos máis que os seus homólogos estadounidenses. Este é un estudo que seguiu a 70.000 persoas durante 30 anos. O "estudo Sterling ". E creo que ilustra perfectamente a premisa deste proxecto Zona Azul.
Esta é unha comunidade heteroxénea. é branca, negra, hispana, asiática. O único que teñen en común é un conxunto de pequenos hábitos de vida que seguen de maneira ritual durante a maior parte das súas vidas. Toman a súa dieta directamente da Biblia. Xénese: capítulo un, versículo 29, onde Deus fala sobre os legumes e as sementes, e outro verso máis sobre as plantas verdes, aparentemente falta a carne. Tómanse este momento de refuxio moi en serio.
Durante 24 horas á semana, non importa como estean de ocupados, ou canto estrés teñan no traballo, ou onde teñan que levar ós nenos deixan todo de lado e céntranse no seu Deus, na súa rede social, e logo en estreita relación coa súa relixión están os paseos pola natureza. E o poder que ten isto non é que se faga de cando en vez, senón que o fan tódalas semanas durante toda a vida. Nada disto é difícil. Nada disto custa diñeiro. Os adventistas tamén tenden a pasar máis tempo con outros adventistas. Polo tanto, se vas a unha festa Adventista non verás a xente bebendo Jim Beam ou facéndose un porro. En vez diso, eles estarán a falar sobre a súa seguinte excursión intercambiando receitas, e si, a rezar. Pero inflúen uns ós outros dunha forma profunda e significativa.
Esta é a cultura que produciu a Ellsworth Whareham. Ellsworth Whareham ten 97 anos. É multimillonario, mais, cando un contratista tentou cobrarlle 6.000 US $ para construír unha cerca, díxolle, "por esa cantidade de diñeiro pódoa facer eu só." Así que durante os próximos tres días, estivo carrexando cemento e levando postes dun lugar a outro. E previsiblemente, quizais, o cuarto día rematou no quirófano. Pero non como paciente, senón como a persoa que realiza a cirurxía de corazón aberto. Ós 97 anos realiza ata 20 operacións de Cirurxía a corazón aberto cada mes.
Ed Rawlings, agora ten 103 anos, un vaqueiro activo que comeza o seu día con un mergullo. E os fins de semana gústalle andar na táboa de surf e producir remuíños.
E temos tamén a Marge Deton. Marge ten 104 anos. O seu neto vive aquí nas cidades xemelgas, en Minnesota. Comeza o día levantando pesas. Anda en bicicleta. E logo monta no seu Cadillac Sevilla color marrón de 1994 e arrasa pola autopista de San Bernardino, onde aínda traballa como voluntaria en sete organizacións diferentes. Eu estiven en 19 expedicións moi difíciles. E son probablemente a única persoa que coñeceredes que atravesou o deserto do Sahara en bicicleta e sen protección solar. Pero podo asegurarvos, non hai aventura máis terrible que ir de copiloto con Marge Deton. "Un estraño é un amigo que aínda non coñecín!" diciame.
Entón, cales son os denominadores comúns nestas tres culturas? Que cousas fan en común? Conseguimos reducilas a nove. De feito, fixemos dúas expedicións máis a Zonas Azuis e estes denominadores aínda son certos. E o primeiro, e vou dicir unha herexía aquí, ningún deles fai exercicio, cando menos na forma en que nós concibimos o exercicio. En vez diso, organizan as súas vidas de xeito que sexa necesario realizar actividade física. Estas mulleres centenarias de Okinawa sentan no chan e se levantan normalmente arredor de 30 ou 40 veces ó día.
Os sardos viven en casas verticais, subindo e baixando as escaleiras. Cada vez que van á tenda, á igrexa ou á casa dun amigo é unha oportunidade para un paseo. Carecen de modernidades. Non existe un botón para coidar o xardín ou facer as tarefas domésticas. Se queren facer unha tarta, fana á man. Isto é a actividade física. Queima tantas calorías coma correr na cinta. E fan esta actividade física a propósito en cousas que lles gustan. Tenden a andar, a única forma comprobada de prever o declive cognitivo e todos tenden a ter un xardín. Saben como configurar a súa vida na forma axeitada para ter unha actitude positiva.
Cada unha destas culturas, dedica tempo para reducir o ritmo da vida cotiá. Os sardos rezan. Os adventistas do sétimo día rezan. Os de Okinawa reverencian ós seus antepasados. Cando estás apresurado ou estresado provocase algo chamado "resposta inflamatoria" que está asociado con todo, dende a enfermidade de Alzheimer á enfermidades cardiovasculares. Cando te relaxas durante 15 minutos ó día transformas o estado inflamatorio nun estado máis anti-inflamatorio.
Teñen vocabulario para expresar o senso das súas vidas, "Ikigai" coma os habitantes de Okinawa. Saben que os dous anos máis perigosos da súa vida son o ano en que se nace, por mor da mortalidade infantil e o ano no que te xubilas. Estas persoas teñen un propósito, unha fin e iso enche de actividade a súa vida, e engade sete anos máis de esperanza de vida.
Non hai ningunha dieta da lonxevidade. En vez diso, estas persoas beben un pouco cada día, iso non é difícil de vender ós estadounidenses. (Risos) Teñen unha dieta baseada en verduras. Isto non significa que non coman carne, máis ben moitos feixóns e froitos secos. E teñen estratexias para evitar comer de máis, pequenas cousas que os afastan da mesa no intre axeitado.
E a base de todo isto é como interactúan. Dan prioridade ás súas familias, coidan dos fillos e dos pais anciáns. Xeralmente pertencen a unha comunidade relixiosa, o que equivale a entre catro e 14 anos máis de esperanza de vida, se asistes catro veces ó mes. E o máis importante, é que tamén pertencen á tribo axeitada. Ou naceron ou conscientemente rodeáronse das persoas axeitadas.
Sabemos polos estudos de Framingham, que se os teus tres mellores amigos son obesos hai unha probabilidade do 50% de que ti tamén o sexas. Entón, se andas con persoas malsás iso terá un impacto significativo despois dalgún tempo. Pola contra, se a idea de diversión dos teus amigos é facer exercicio, ou xogar ós bolos ou ó hockey, o ciclismo ou a xardinería, se os teus amigos beben un pouco, pero non moito, e comen ben, e se relacionan e tes confianza neles e eles en ti, iso terá un grande impacto a longo prazo.
As dietas non funcionan. Ningunha dieta na historia funcionou para máis do 2% da poboación. Os programas de exercicio xeralmente comezan en xaneiro e, polo xeral rematan en outubro. No que se refire á lonxevidade, non hai solución a curto prazo nunha pílula ou calquera outra cousa. Pero se o pensades os vosos amigos son aventuras a longo prazo e, por iso, quizais o máis importante que podes facer para engadir anos á túa vida, e vida aos teus anos.Moitas grazas. (Aplausos)
You can share this video by copying this HTML to your clipboard and pasting into your blog or web page. This video will play with subtitles.
You either have JavaScript turned off or have an old version of the Adobe Flash Player. To view this rating widget you
need to get the latest Flash player.
If your browser allows only "trusted sites" to execute Javascript, you should add the "googleapis.com" domain to your whitelist to allow our Flash detection to work properly.
Got an idea, question, or debate inspired by this talk? Start a TED Conversation.
Para atopar o camiño para unha vida longa e saudable, Dan Buettner e o seu equipo estudaron as "zonas azuis" no mundo, as comunidades nas que os anciáns viven con gran forza e vigor ata unha idade récord. En TEDxTC comenta os 9 hábitos máis comúns na dieta e estilo de vida que os manteñen en plena actividade máis alá dos 100 anos.
National Geographic writer and explorer Dan Buettner studies the world's longest-lived peoples, distilling their secrets into a single plan for health and long life. Full bio »
Translated into Galician by Jose Camean
Reviewed by Raquel Uzal
Comments? Please email the translators above.
22:45 Posted: Oct 2006
Views 1,346,469 | Comments 460
19:25 Posted: Jul 2007
Views 734,099 | Comments 126
03:18 Posted: Dec 2006
Views 685,328 | Comments 122
Just follow the guidelines outlined under our Creative Commons license.
This comment will be attributed to . Not ? Sign Out.