Desde hai 35 anos, estou fascinado coa diversidade de cultivos, desde que batín nun artigo académico bastante escuro dun fulano que se chamaba Jack Harlan. Describía a diversidade dentro dos cultivos --todos os diferentes tipos de trigo e arroz e outras-- como un recurso xenético. E dicía: "Este recurso xenético" --e nunca esquecerei as súas palabras-- "interponse entre nós e unha fame catastrófica ata un punto que non podemos imaxinar."
Supuxen que el descubrira algo, ou que era un deses chalados académicos. Así que, investiguei un pouco máis e o que descubrín é que non era un chalado. Era o científico máis respectado do seu campo. O que entendeu é que a diversidade biolóxica --a diversidade de cultivos-- é o alicerce biolóxico da agricultura. É a materia prima, a esencia, da evolución nos nosos cultivos agrícolas. Non é, entón, un asunto trivial. E tamén entendeu que ese alicerce estaba a esbororarse, literalmente. Que, de feito, unha extinción masiva estaba en marcha nos nosos campos, no noso sistema agrícola. E que esta extinción masiva estaba tendo lugar con moi pouca xente informada e moita menos aínda á que lle importase.
Ben, sei que moitos de vostedes non se paran a pensar na diversidade dos sistemas agrícolas e, sexamos sinceros, iso é lóxico. Non o vemos nos xornais a diario. E cando imos ao supermercado, a verdade é que non vemos moito onde elixir. Vemos mazás vermellas, amarelas e verdes, e non hai máis.
Entón, déixenme amosarlles unha imaxe dunha forma de diversidade. Velaí algúns feixóns, arredor de 35 ou 40 variedades diferentes de feixóns nesta imaxe. Agora, imaxinen cada unha destas variedades diferentes entre si como se fosen un caniche e un gran danés. Se eu lles quixese amosar unha imaxe de todas as razas caninas do mundo, e puxera 30 ou 40 en cada diapositiva, precisaría arredor de 10 diapositivas porque hai unhas 400 razas de cans no mundo. Pero hai de 35 a 40.000 variedades diferentes de feixóns. Así que se eu fora amosarlles todos os feixóns do mundo, e tivera unha diapositiva coma esta, e a cambiara cada segundo, ocuparía toda a miña charla en TED. E non tería que dicir nada.
Pero o interesante --e o tráxico-- é que esta diversidade está a se perder. Temos arredor de 200.000 variedades distintas de trigo, e de 200 a 400.000 de arroz, pero están a perderse. E quixera poñerlles un exemplo diso. É un exemplo un pouco persoal, de feito. Nos Estados Unidos, nos anos 1800 --que é de onde temos os mellores datos-- os agricultores e xardineiros estaban a cultivar 7.100 variedades de maza con cadanseu nome. Imaxinen. 7.100 mazás con nome. Hoxe, 6.800 delas extinguíronse, endexamais se volverán ver.
Eu adoitaba ter unha listaxe desas mazás extintas, e cando daba unha charla pasáballe a listaxe ao auditorio. Non lles dicía o que era, pero estaba en orde alfabética e pedíalles que buscasen os seus nomes, os seus apelidos, os apelidos de solteira de súas nais... E ao final da miña charla preguntáballes "Cantos de vostedes atoparon un nome?" E nunca tiña menos de dous terzos do auditorio coa man erguida. E eu dicíalles "Saben o que? Esas mazás proceden dos seus devanceiros, e eles outorgáronlles o máis grande honor que lles podían dar. Déronlles o seu nome. A mala noticia é que se extinguiron. A boa noticia é que un terzo de vostedes non ergueu a man. A súa mazá aínda anda por aí. Búsquenas. Asegúrense de que non se engaden á listaxe."
Ben, quero dicirlles que unha parte da boa noticia é que a mazá Fowler aínda anda por aí. Teño por aquí atrás un libro antigo e quería lerlles un anaco del. Publicouse en 1904. Titúlase "As mazás de Nova York" e este é o segundo volume. Vexan, tiñamos un monte de mazás. E a mazá Fowler descríbese aquí --espero que isto non os sorprenda-- como "unha froita preciosa". (Risos) Non sei se nos bautizamos a mazá ou se ela nos bautizou a nós, pero... Pero, para ser sincero, a descrición continúa e di que "no entanto, non está moi ben clasificada en canto á calidade". E despois aínda vai máis lonxe. Parece que o escribise un meu antigo profesor. "Como medra en Nova York, habitualmente a froita non se desenvolve adecuadamente en tamaño e calidade e é, en conxunto, insatisfactoria."
E penso que de aquí se debe aprender unha lección, e a lección é: e entón, por que conservala? Fanme seguido esta pregunta. Por que non conservamos só a mellor? E hai un par de respostas para esta pregunta. Unha é que non existe cousa tal como "a mellor". A mellor variedade de hoxe é o almorzo de mañá para os insectos, as pragas ou as enfermidades. E a outra é ao mellor esa mazá Fowler ou unha variedade de trigo que non é economicamente viable hoxe é resistente a pragas ou enfermidades, ou ten algunha cualidade que imos precisar por mor do cambio climático e que as outras non teñen. Así que non cómpre, grazas a Deus, que a mazá Fowler sexa a mellor do mundo. Só é necesario ou interesante que poida ter un trazo bo e único E por esa razón debemos conservala. Por que? Como materia prima, como un trazo que podemos usar no futuro. Pensen na diversidade como fonte de opcións. E opcións, abofé, é exactamente o que nos cumprirá na era do cambio climático.
Quero amosarlles dúas diapositivas, pero, antes, quero contarlles que no Global Crop Diversity Trust levamos traballado cunha serie de científicos --particularmente das universidades de Stanford e Washington-- para formularlles a seguinte pregunta: Que lle vai pasar á agricultura nunha era de cambio climático e que tipo de trazos e características lles cómpren aos nosos cultivos agrícolas para ser capaces de adaptarse a el? Resumindo, a resposta é que no futuro, en moitos países, as estacións de crecemento máis frías serán máis calorosas ca calquera outra que eses cultivos coñeceran no pasado. As estacións de crecemento máis frías do futuro serán máis calorosas ca as máis quentes do pasado. Está a agricultura adaptada a isto? Eu non o sei. Os peixes poden tocar o piano? Se a agricultura nunca experimentou tal cousa, como habería de estar adaptada?
No presente, a maior concentración de persoas pobres e esfameadas do mundo, e a zona onde o cambio climático, ironicamente, vai ser peor coinciden no sur de Asia e na África subsahariana. Elixín dous exemplos e gustaríame amosarllos. No histograma que teñen diante, as barras azuis representan o rango histórico de temperaturas, recuando ata onde existen datos rexistrados. E poden ver que existen algunhas diferenzas entre unha estación de crecemento e outra. Algunhas son máis frías, outras son máis calorosas e isto forma unha curva en forma de campá. A barra máis longa é a temperatura media para o maior número de estacións de crecemento. No futuro, avanzado este século, vaise asemellar á vermella, totalmente fóra dos límites. O sistema agrícola, e o que é máis importante, os cultivos nos campos da India nunca sufriron nada semellante.
E esta é de África do sur. O mesmo conto. Pero o máis interesante de África do Sur é non fai falta agardar ata 2070 para bater cos problemas. Por volta de 2030, se as variedades de millo, que é o cultivo dominante, --a metade de [inintelixible] en África dos Sur aínda está no campo-- en 2030 --dicía-- veremos unha diminución do 30 por centro na produción de millo por causa do cambio climático xa nesa data. Unha diminución do 30 % na produción, nun contexto de poboación en aumento significa unha crise alimentaria. Isto é de natureza mundial. Veremos nenos morrer de fame na televisión. Neste momento, poden dicir que 20 anos dan para moito. Son dous ciclos de mellora para o millo. Temos dúas oportunidades para facelo ben. Temos que ter nos campos cultivos preparados para o cambio climático, e temos que telos bastante rápido.
A boa noticia é que levamos tempo conservando. Estivemos recollendo e conservando unha gran cantidade de diversidade biolóxica, diversidade agrícola, maiormente en forma de sementes, e depositámolas en bancos de sementes, que é unha forma sofisticada de dicir "conxelador". Se queren conservar sementes durante moito tempo e queren que se manteñan dispoñibles para melloradores vexetais e investigadores, teñen que secalas e despois conxelalas. Por desgraza, estes bancos de sementes atópanse por todo o mundo en edificios e son vulnerables. Xa ocorreron sinistros. Nestes últimos anos perdemos o banco xenético, o banco de sementes de Iraq e Afganistán. Poden adiviñar o porqué. En Ruanda, nas Illas Salomón. E despois están os sinistros cotiáns que acontecen neses edificios, problemas financeiros, mala xestión e fallos nos equipos, e todo tipo de problemas. E cada vez que algo así acontece, significa extinción. Perdemos diversidade. E non estou a falar de perder diversidade como se perdermos as chaves do coche. Estou a falar de perdela como perdemos os dinosauros, perdelos definitivamente, para non velos endexamais.
Entón, un grupo reunímonos e decidimos que xa abondaba e que precisabamos facer algo sobre esta cuestión e que precisábamos ter instalacións que realmente puidesen ofrecerlle protección á nosa diversidade biolóxica aínda que ao mellor non sexa a diversidade máis carismática. Non se mira unha semente de cenoura aos ollos como se mira un oso panda, pero é unha diversidade moi importante. Por iso, precisabamos un lugar realmente seguro, e fomos ata moi ao norte para atopalo. Ata Svalbard. Está por riba da Noruega continental. Desde alí pódese ver Groenlandia. Está a 78 graos norte. É o máis afastado que se pode voar nunha liña regular de avión. É unha paisaxe extraordinariamente fermosa. Non podo nin comezar a describírllela. É outro planeta. Fermoso. Traballamos co goberno noruegués e con NorGen, o Programa Noruegués de Recursos Xenéticos, para deseñar estas instalacións. O que ven é o esbozo que un artista fixo delas, construídas nunha montaña en Svalbard. A idea de Svalbard xurdíu porque alí vai frío, así que podemos ter temperaturas de conxelación natural. Pero é remoto. É remoto e accesible por iso é seguro e non dependemos da refrixeración mecánica.
Isto é máis ca o soño dun artista. Xa é unha realidade. E nesta imaxe amósase no seu contexto, en Svalbard. Velaquí a porta principal das instalacións. Cando se abre esta porta isto é o que se ve. É bastante simple. Un burato no chan. É un túnel, e éntrase a través dese tunel, escavado en rocha viva, uns 130 metros. Despois hai un par de portas de seguridade, así que non se vería igual ca aquí. Cando se chega a parte de atrás, éntrase nunha área que é, en realidade, a miña favorita. Por que? Penso que é como unha especie de catedral. E sei que isto que cataloga como un pouco "nerd", pero... (Risos) Algúns dos días máis felices da miña vida paseinos... (Risos) neste lugar.
Se entraran nalgunha destas estancias verían isto. Non é moi emocionante, pero se saben o que alí hai, é bastante emotivo. Temos xa perto de 425.000 mostras de variedades únicas de cultivos. Hai 70.000 mostras de variedades distintas de arroz nestas instalacións agora mesmo. E de aquí a un ano, imos ter máis de medio millón de mostras. Imos superar o millón e, algún día, teremos mostras --unhas 500 sementes-- de todas as variedades de cultivos agrícolas que poidan almacenarse en estado de conxelación nestas instalacións. É a copia de seguranza da agricultura mundial. É unha copia de seguranza para todos os bancos de sementes. O almacenamento é gratuíto. Funciona como unha caixa de seguridade. Noruega é a propietaria da montaña e das instalacións, pero os depositantes sono das sementes. E se ocorre calquera cousa, poden volver e levalas consigo. Nesta imaxe que ven amósase a colección nacional dos Estados Unidos, de Canadá, e dunha institución internacional de Siria.
Penso que é interesante que nestas instalacións --é case a única cousa que me vén á mente actualmente-- países --literalmente, todos os países do mundo porque temos sementes de todos eles-- todos os países do mundo se xuntaron para facer algo a longo prazo, á vez sustentable e positivo. Non se me acorda cousa ningunha que se desenvolvera así en toda a miña vida.
Non podo fitalos e dicirlles que teño a solución para o cambio climático ou para a escaseza de auga. A agricultura usa o 70 por cento das reservas de auga doce do planeta. Non podo fitalos e dicirlles que existe unha solución para estes problemas, ou para a crise enerxética, ou para a fame no mundo ou para lograr a paz nos conflitos. Non podo fitalos e dicirlles que teño unha solución simple para todo iso, pero podo fitalos e dicirlles que non podemos resolver ningún deses problemas se non temos diversidade de cultivos. Porque os reto a que pensen nunha solución efectiva, eficiente e sustentable ao cambio climático, se non temos a diversidade de cultivos. Porque, literalmente, se a agricultura non se adapta ao cambio climático, tampouco o habemos facer nós. E se os cultivos non se adaptan ao cambio climático, tampouco o ha facer a agricultura, e tampouco o habemos facer nós.
Por iso, isto non é só algo fermoso e simpático de facer. Hai un monte de xente á que lle gustaría que esta diversidade existise polo seu valor intrínseco. É, concordo, algo simpático de facer. Pero tamén é algo necesario. Por iso, nun sentido moi real, creo que nós, como comunidade internacional, deberiamos organizarnos para completar a tarefa. A Arca de Sementes Global de Svalbard é un agasallo marabilloso que Noruega e outros nos deron, pero non é a resposta completa. Temos que recoller o resto da diversidade que hai por aí fóra. Temos que depositala en bos bancos de sementes que poidan ofrecerllas aos investigadores futuros. Temos que catalogalas. Son unha biblioteca da vida, pero neste momento eu diría que non temos un catálogo delas. E temos que apoiar financeiramente todo isto.
A miña gran idea sería que, mentres que consideramos común patrocinar un museo de arte, ou unha cátedra universitaria, deberiamos estar pensando en patrocinar trigo. Unha doazón de 30 millóns de dólares permitiría toda a diversidade de trigo para sempre. Así que temos que pensar un pouco nesa liña.
E a miña reflexión final é que nós, conservando trigo, arroz, patacas e outros cultivos, se cadra estamos, simplemente, a salvármonos.
You can share this video by copying this HTML to your clipboard and pasting into your blog or web page. This video will play with subtitles.
You either have JavaScript turned off or have an old version of the Adobe Flash Player. To view this rating widget you
need to get the latest Flash player.
If your browser allows only "trusted sites" to execute Javascript, you should add the "googleapis.com" domain to your whitelist to allow our Flash detection to work properly.
Got an idea, question, or debate inspired by this talk? Start a TED Conversation.
As variedades de trigo, millo e arroz que medran na actualidade poden non prosperar nun futuro ameazado polo cambio climático. Cary Fowler introdúcenos nun gran banco de sementes mundial, soterrado debaixo dunha montaña xeada en Noruega, que almacena un grupo diverso de cultivos alimentarios polo que nos poida traer o futuro.
Biodiversity warrior Cary Fowler wants to save the world from agricultural collapse, one seed at a time. Full bio »
Translated into Galician by Xusto Rodriguez
Reviewed by Montse Valcárcel
Comments? Please email the translators above.
06:34 Posted: May 2009
Views 259,203 | Comments 91
22:35 Posted: Apr 2007
Views 513,610 | Comments 84
18:00 Posted: May 2009
Views 251,384 | Comments 208
Just follow the guidelines outlined under our Creative Commons license.
This comment will be attributed to . Not ? Sign Out.